Antonio Gamoneda e Elias Knör visitan este venres a SELIC

A II Semana do Libro de Compostela intensifica o seu programa de actividades ás portas da recta final. Malia que este venres se mantén o horario de atención ao público no interior da carpa, de 17.00 a 21.00 horas, as propostas multiplícanse no seu exterior e esténdense no tempo cunha nova sesión do OFF SELIC. Entre as actividades previstas para a oitava xornada da feira, destaca o encontro co poeta asturiano Antonio Gamoneda, que visita Compostela co gallo de inaugurar un novo paso do Xardín das Pedras que Falan. Gañador, entre outros, do Premio Cervantes e o Premio Reina Sofía, Gamoneda é o cuarto poeta en tomar parte nesta homenaxe á poesía universal ubicada en Fonseca, que reivindica Compostela como cidade literaria. Xurdida por iniciativa do escritor Suso de Toro e froito da colaboración entre o Concello de Santiago e a USC, o xardín sementouse no mes de maio cun camiño de pedras labradas de versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza ás que agora se suma estoutra coas verbas de Gamoneda. O descubrimento da mesma está previsto ás 18.00 horas e contará coa presenza do autor, do escritor Suso de Toro, do alcalde Martiño Noriega, da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra e o reitor da USC, Antonio López. O encontro de Gamoneda co público da SELIC terá lugar ás 20.00 horas, nunha conversa na que intervén tamén o escritor Claudio Rodríguez Fer.

Pero, antes diso, hai aínda moita feira por visitar. As actividades do venres arrancan ás 17.00 horas cunha sesión na que Versos Soltos, o grupo cooperativo de escrita que conforman Mónica Plazas, Salvador Lago, Kico Salgueiro, Iris Carro e Ana Cabaleiro ao abeiro da libraría Lila de Lilith, presenta a primeira entrega do fanzine Compostela, que dedica a portada inauguaral á nosa cidade. Inmediatamente despois, ás 17.30 horas, a Revista Coralia presenta o seu número de verán, o o noveno desta publicación trimestral, coa presenza de Pilar Sampedro e os directores da publicación, Álex Regueiro e Alfredo Iglesias, no Espazo Efémero.

A seguir, ás 18.30 horas, a Libraría compostelá Chan da Pólvora promove a sesión “Poesía en Acción”, un diálogo interdisciplinar que procura abrir un espazo de encontro no que o verso acada unha materialidade distinta á do trazo clásico no papel.

Ao mesmo tempo, a agrupación Xandobela para a educación e dinamización sociocultural guía á rapazada por unha travesía entre papel e contos, facendo que se mergulle en relatos que afondan na diversidade e interculturalidade e promoven á convivencia.

Ás 19.00 horas, a editora Irmás Cartoné abre a mesa de debate “A tradución, factor normalizador para o sistema literario galego”, na que participan Patricia Buján Otero, de Catro Ventos Editora, Laura Sáez, de Patasdepeixe, e Celia Recarey, de Irmás Cartoné.

A partir das 20.00 horas, ao tempo que ten lugar o encontro con Gamoneda, a SELIC propón fóra da carpa da Quintana, un paseo que rende homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través da súa novela "Scórpio". As persoas asistentes percorrerán espazos da cidade vencellandos á figura do autor e á súa pegada literaria. O punto de inicio é o número do 4 da rúa Carreira do Conde, na que foi a casa do escritor en Compostela.

Elías Knörr, nome literario do poeta galego Elías Portela, centra as actividades que pechan a xornada. Na primeira delas, ás 21.30 horas, este autor cangués afincado en Reikiavik e destacado pola Poetry Review do Reino Unido como unha das tres voces máis representativas da lírica islandesa, recita fronte as escadas da Quintana versos d’O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido. A obra é a versión en galego do primeiro poemario que Knörr publicou en islandés Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum (Stella, 2010) e que el mesmo levou á nosa lingua nun volume editado por Edicións Barbantesa (2011). Tal e como recolleu a edición orixinal o libro “presenta a un poeta na busca de novas ribeiras. O autor faise mariñeiro para ampliar o horizonte. Os poemas son capturados nas redes igual que a pesca, ou van á deriva polo mar ata que os atopa varados na praia”.

Para pechar a xornada, a poética de Knörr convértese en materia cinematográfica no filme Contrafaces, de Fon Cortizo. O Teatro Principal acolle a proxección desta fita que explora a relación co galego e a procura da identidade poética do propio Knörr/Portela, da escritora canadiana Erin Moure e da viguesa Iolanda Zúñiga. A proxección, que comeza ás 22.30 horas, faise ao abeiro da 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e, ao seu remate, haberá un coloquio co poeta e co guionista do filmes, Álex Cancelo.

Hora / Lugar: 
Comezo 8 xuño, 2018