Compostela recibe a Póvoa de Varzim como cidade convidada da segunda edición da SELIC

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá en rolda de prensa as actividades coas que a Semana do Libro de Compostela honra a cidade de Póvoa de Varzim. Fíxoo acompañada de Lucinda Delgado, responsable de Turismo da Cámara Municipal de Póvoa.

Novoneyra declarou que a SELIC 2018 "celebra a irmandade das linguas galega e portuguesa e procura estreitar aínda máis os lazos entre as súas literaturas, salientando os numerosos puntos en común das culturas a ambas beiras do Miño e deixándonos engaiolar tamén polos aspectos que as fan diversas".

O domingo día 3 é o sinalado como Día de Póvoa de Varzim na SELIC, e daquela Santiago contará tamén coa presenza de Luís Diamantino Carvalho Batista, responsable de Cultura e vicepresidente da Cámara Municipal da cidade. As actividades que Póvoa trae a Compostela comezan ás 12:00 horas cunha mostra da Rusga, a danza tradicional das festas de São Pedro.

Ademais, entre as figuras protagonistas do día, cómpre citar tamén á escritora, guionista e contadora Dulce María Cardoso, que participa nun encontro aberto co público grazas á colaboración do Instituto Camões. Cardoso é unha das voces literarias máis importantes de Portugal, gañadora, entre outros, do Grande Prémio Acontece, do Premio da Unión Europea para a Literatura, e ten sido nomeada Cabaleira da Orde das Artes e as Letras de Francia.

A seguir coa fiestra aberta ás mostras culturais de Póvoa no decorrer da semana, o programa de actividades achégase ao Correntes d’Escritas, o festival para o encontro das literaturas e as linguas que se celebra cada febreiro na cidade lusa. A coordinadora do festival, Manuela Ribeiro, directora tamén da revista literaria do mesmo nome, participará o luns 4, ás 19:30 horas, na sesión Correntes de Conversa, con Carlos Quiroga, escritor e profesor de Literaturas Lusófonas na Universidade de Santiago de Compostela.

O martes 5, ás 20:00 horas, a música de Carlos Costa e a voz de Aurelino Costa retratarán "A Póvoa de Varzim em música e poesia", e o día 7 á tardiña, Suso de Toro e Teresa Moure debatirán con Rui Zink e Marta Bernardes sobre os aspectos que separan e unen ambas culturas nun debate que tamén terá como moderador a Carlos Quiroga.

E para despedir esta SELIC que homenaxea a Póvoa, o domingo 10, ás 19:30 horas, os poetas Isaque Ferreira, João Rios e Rui Spranger conducirán un paseo literario que deitará os seus versos nas rúas de Compostela.
 

Hora / Lugar: 
Comezo 3 de Xuño, 2018