Día de Póvoa de Varzim na terceira xornada da SELIC

A II Semana do Libro de Compostela chega este domingo á súa terceira xornada e faino cun horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas, no que se inclúen numerosas actividades paralelas.

Estas principian ás 12:30 horas no exterior da carpa cunha mostra das Rusgas de Varzim, danzas populares que acostuman desfilar polas rúas da cidade portuguesa para celebrar as súas festas máis destacadas. A alcaldesa en funcións, María Rozas, acompañará na apertura do acto aos responsables da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim que visitan Santiago estes días: o seu vicepresidente, Luís Diamantino Carvalho Batista, e a responsable de Turismo, Lucinda Delgado.

De volta na carpa da SELIC, a presentación de Disto non se fala, de Autoedicións Micromundos, centra as actividades da mañá. Ás 13:30 horas, as autoras Verónica Martínez Delgado e Emma Pedreira falarán co público desta plaquette sobre o acoso e a desigualdade de xénero.

A tarde énchese de actividades centradas no labor e na pegada de autoras da nosa literatura. A Libraría Lila de Lilith e a plataforma A Sega promoven ás 18:00 horas a mesa redonda Excéntricas. Autoras dende a periferia. Andrea Barreira coordina esta charla con autoras que teñen en común a escrita dende as marxes, lonxe dos lugares nos que se concentran as actividades culturais, e que congrega a María del Carmen Rey (autora de Escapados, da Editorial Toxosoutos), Verónica Martínez Delgado (autora de Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de A.C. Caldeirón), Ana Cibeira (autora de A morta, da Editorial Barbantesa) e Marga Tojo (autora de Maternidade fóra de catálogo, de Editorial Xerais).

En paralelo, Urco Editora propón tamén diversas actividades arredor da publicacións recentes de mulleres autoras. A primeira delas, ás 18:00 horas, xira arredor de Xandra, a landra que quería voar, de Mercedes Queixas. A autora ofrecerá a nenas e nenos contiños xurdidos deste libro ilustrado por Paula Pereira.

A seguir, Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e Ursula Heinze conversan con Xavier Senín sobre Nosoutras, un libro publicado por Urco en 2018 con seis relatos de María Victoria Moreno. Precédeos un texto-manifesto que dá nome ao volume, e no que Moreno ofrece unha auténtica arenga pola dignificación da literatura infantil e xuvenil, pola visibilidade das mulleres creadoras e pola importancia de que sexan tamén mulleres as que protagonicen as historias.

Os relatos e personaxes de María Victoria Moreno son tamén o fío conductor de Navegando entre papel e contos, un paseo narrativo, lúdico e creativo a través do libro Mar adiante, co que Xandobela animará á rapazada a partir das 18:30 horas.

Xa ás 19:00 horas, e grazas á colaboración do Instituto Camões, a escritora, guionista e contadora Dulce María Cardoso participa nun encontro aberto co público. Cardoso é unha das voces literarias máis importantes de Portugal, gañadora, entre outros, do Grande Prémio Acontece e do Premio da Unión Europea para a Literatura, e ten sido nomeada Cabaleira da Orde das Artes e as Letras de Francia.

Para pechar as actividades do día, Hércules Ediciones ofrece ás 20:00 horas a presentación e sinatura de exemplares do libro Galicia inmaterial, Galicia máxica, de José Luis Casteleiro Santos e Miguel García Seoane, con ilustracións de Carlos Sardiña.

Hora / Lugar: 
Comezo 3 xuño, 2018