Obradoiros, conversas, música, paseos e xogos, no sábado que a SELIC dedica a Salvador García-Bodaño

A SELIC amplía o seu programa e horarios na fin de semana. O sábado 2 de xuño, a carpa instalada na Quintana abre as súas portas ás 11:00 horas para abeirar unha intensa xornada chea de actividades para todos os públicos.

Ao comezo do día, a Libraría Lila de Lilith e a plataforma A Sega trasladan á feira o club de lectura Olladas Cruzadas, no que Paula Gómez del Valle modera a conversa sobre os libros Sangue 12, de Cris Pavón, e Saturno tamén é Deus, de Uxía Casal, ambos de Urco Editora. A seguir, e coas mesmas promotoras, Antía Marante conduce unha mesa redonda sobre a necesidade dunha critica literaria feminista, na que participan Ana Figueiredo (membro do club de lectura Con premeditación e alevosía, da libraría Cronopios de Compostela), Tensi Gesteira (Lecturafilia), Arancha Nogueira (A Sega) e Ana Salgado (Grial e Tempos Novos).

A partir das 12:30 horas, o espazo infantil énchese de propostas. O ilustrador Enrique López toma as rendas do Ring... Ring! Quen Rima?, un obradoiro de ilustración e lectura sobre o libro do mesmo nome que co-asina con Ana María Fernández, e que chega á SELIC da man da Editorial Hércules. Ás 13:30 h é quenda para o poemario ilustrado Cara de velocidade, editado por Kalandraka. A escritora e xornalista Marga Tojo preséntanos á superheroína que protagoniza estes versos urbanos, coa superpoderes que a fan converter a hora de comer nun xogo disparatado, ou un accidente caseiro na escusa perfecta para fantasiar con fascinantes peripecias. Promovida pola libraría compostelá El Faro de los Tres Mundos, a presentación deste libro con ilustracións de María Hergueta, galardoado co X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos, pechas as actividades para a rapazada da mañá.

As actividades infantís volven ás 17:30 h por conta da ilustradora Blanca Millán. Xogos e contos para presentar a nenos e grandes Lola e as 21 vacas, un traballo editado por Triqueta Verde que propón a Libraría Palacios. Os relatos seguen ás 18:30 h con A corva, compoñedora de contos, que Cristina Collazo tece a partir das fermosas historias da cultura popular galega.

En paralelo, a Editorial Dardo abre ás 17:30 horas a presentación de proxectos no Espazo Efémero, para dar a coñecer as súas publicacións e accións arredor da arte e a creación galega contemporáneas. Dardo é responsable da Fundación DIDAC, que procura a difusión e visibilidade dos traballos de creadoras e creadores da contorna contemporánea, e éo tamén de numerosas edicións especiais nesta ámbito. Da súa autoría é tamén a revista DARDOmagazine, que cumpre xa once anos no tratamento a fondo da arte a arquitectura e o deseño contemporáneos e que ten acadado importantes premios como o Anuaria de Oro á mellor publicación periódica.

A seguir, ás 18:30 horas, a libraría Chan da Pólvora propón un diálogo entre Daniel Salgado e Ismael Ramos arredor dos seus últimos libros, ambos editados por Apiario. O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler, de Salgado, preséntase como "unha ofrenda e unha ofensa, un asalto e o mito reducido a cinza. Catorce cantos sobre escravas en revolta, masas de ruído esnaquizado e unha pregaria". Comparte mesa e conversa con Lumes, o libro que recibiu na III Gala do Libro Galego o premio á mellor edición, e no que Ramos define a escrita como "un acto de resistencia contra todo. Nun acto do corpo".

Fóra da carpa da SELIC, as actividades proseguen ás 19:30 horas cun itinerario dedicado a Salvador García-Bodaño que percorre os espazos dos afectos e feitos do poeta, e que se integra no programa da SELIC por iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Pecha a axenda do día a escenificación poético-musical do libro Matar a Platón, de Chantal Maillard. Unha proposta da libraría Numax arredor deste volume Premio Nacional de Poesía que contará coa interpretación da súa autora e coa música de Chefa Alonso e Jorge Frías. Será a partir das 21:30 horas, de balde, fronte as escadas da Quintana.

Hora / Lugar: 
Comezo 2 de xuño, 2018