X Semana do Libro de Compostela 2026

Praza da Quintana, do 2 ao 11 de outubro

Quen non ten un libro gardado nun lugar especial? Quen non buscou un durante anos ou o atopou por casualidade? Quen non prestou o seu libro favorito con cautela, ou recibiu outro como o mellor dos agasallos? Quen non perdeu un libro e o bota de menos como se bota de menos unha persoa moi querida?

Un libro é adorado non só polo que contén, senón tamén polo que é: memoria e compañía, consello nos momentos de dúbida, medicina, inspiración e porta cara ao que aínda non coñecemos. Por iso nos importa tanto. Por iso o recibimos das mans do pasado e o deixaremos nas do futuro.

Poñer as mans a traballar nun libro é un dos actos máis completos que existen: entran en xogo a mente e o corpo, a habilidade e o coidado, o desexo de crear e o de deixar algo que perdure. É cousa de persoas que atenden ao mundo e que cren que o que fan merece durar e ser compartido. Un xesto sinxelo e antigo no que a humanidade se proxecta cara o futuro.

Por iso, desta volta, o lema escollido para a SELIC 2026 é "Onde nacen os libros" e toma como punto de partida a puxanza do sector na cidade para lanzar unha invitación a detérmonos e descubrir o que hai detrás de cada exemplar.

A décima edición da Semana do Libro de Compostela, organizada polo Concello de Santiago celébrase entre o 2 e o 11 de outubro na Praza da Quintana, que se converte outra vez no corazón dos libros posibles ao reunir as novidades do sector co apoio dunha programación que amplía a experiencia lectora e ofrece un espazo perfecto para que artistas, editoras independentes e librarías de proximidade se atopen coas lectoras.

Unha cita pensada para quen ama os libros e tamén para quen está a piques de descubrir o seu amor por eles.

Descarga a programación