Semana do Libro de Compostela 2026

DATAS E HORARIOS

A SELIC celebrarase entre o 2 e o 11 de outubro na Praza da Quintana.

Abrirá de luns a venres en horario de 16.30 a 21h e os sábados e domingos en dúas franxas horarias: de 11.30 a 14.30h e de 16.30 a 21h.

PARTICIPANTES

Poden solicitar ter presenza na SELIC editoras e librarías de Galicia ainda que terán prioridade as de Santiago de Compostela e a súa comarca.

CONDICIÓNS

A participación como entidade ou persoa expositora é de balde e supón a aceptación das normas de exposición, fondos expostos, horarios e organización da SELIC.

FONDOS

A SELIC busca achegar a maior diversidade posible aos espazos expositivos e este é, xunto co xeográfico, un dos criterios principais para a escolla de participantes. Por esta razón, solicitarase na ficha de inscrición que se defina o tipo de fondos que se quere expoñer. No caso de que haxa coincidencias temáticas entre diferentes propostas, desde a Dirección Artística da SELIC buscarase algún xeito de evitar redundancias.

EDITORAS

Deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles procedentes de fóra do ámbito galego que garden especial relación coa súa liña editorial.

EXPOSITORAS

Todas as expositoras deberán expor como mínimo un 80% de libros e materiais en  galego e esta será unha condición pola que se velará especialmente durante toda a SELIC.

ESPAZOS

A SELIC contará con espazos diferenciados para desenvolver actividades da programación.

As entidades participantes contarán cun espazo individual de exposición, ou poderán compartir espazo con outras se así o indican na súa solicitude.

SOLICITUDES DE ESPAZO DE EXPOSICIÓN

O prazo de solicitude de posto expositivo pecharase o 1 de setembro, agás que se cubrisen antes os espazos dispoñibles.

As solicitudes faranse a través deste formulario de solicitude de participación.

PROGRAMACIÓN

As editoras e librarías participantes poderán propor á consideración da Dirección Artística actividades (presentacións, obradoiros, grupos de traballo, exposicións, etc) para contribuír á programación xeral. 

ACTIVIDADES

Ata o 31 de xullo está aberta a recepción de proposta de actividades a través deste formulario.

Desde a Dirección Artística teranse en conta todas as achegas e seleccionaranse as máis acaídas atendendo á temática ou obxectivo desa edición da SELIC e a cuestións técnicas e temporais. A responsabilidade da celebración da actividade e da súa execución correrá a cargo de quen a propón, limitándose a SELIC a ofrecer o lugar de celebración coas condicións técnicas necesarias que se indicaran no formulario no que se propuxo a actividade.

A SELIC só contactará con aquelas persoas ou entidades cuxas actividades sexan seleccionadas para a programación.