A SELIC: Semana do Libro de Compostela

Un dos maiores praceres que se pode gozar en Compostela é escoller calquera recuncho para quedar absorta dun libro.

Imaxina agora que ese libro está editado na propia cidade, con agarimo e rigor, e que podes mercalo en librarías atendidas por xente que sabe recomendarche o título perfecto para ti.

Mellor aínda: imaxina que todas esas editoras e librarías xuntan eses libros e moitos outros durante dez días na Praza da Quintana. E non só en papel, senón tamén convertidos en recitais, conversas, narracións orais, paseos, obradoiros...

Pois acabas de imaxinar a SELIC: a festa da lectura no corazón de Santiago que celebra o que esta cidade é: unha excelente produtora de libros e lectora que goza compartindo os seus descubrimentos librescos.

Un festival para gozar sen présas

Desde a xente máis miúda ata as grandes lectoras, desde quen busca a súa próxima lectura ata quen quere descubrir como se fai un libro. A SELIC ten un sitio para todas.

Conversas cos autores, paseos literarios que percorren a cidade contando historias, recitais ao aire libre, obradoiros para crear e descubrir... A SELIC é literatura vivida con proximidade, nun dos lugares máis significativos de Compostela e co tempo necesario para saborear cada momento.