Semana do Libro de Compostela 2025

Praza da Quintana, do 3 ao 12 de outubro

A novena Semana do Libro de Compostela, organizada polo Concello de Santiago, ten como lema “Compostela lectora, Compostela de libro” e centra o foco na cidadanía como motor da cidade e elemento transformador.

A SELIC é un evento festivo arredor do libro no que se manifesta e celebra o extraordinario potencial editorial e literario da cidade, así como a riqueza das súas comunidades lectoras.

Entre o 3 e o 12 de outubro, unha carpa situada na Praza da Quintana acollerá as propostas do sector, ademais dunha programación que aspira non só a mostrar, senón tamén a tecer redes, favorecer o nacemento doutros proxectos e fomentar novas colaboracións dentro do mundo do libro en Compostela.

PARTICIPANTES

Poden solicitar ter presenza na SELIC editoras e librarías de Galicia ainda que terán prioridade as de Santiago de Compostela e a súa comarca.

HORARIOS

A SELIC abrirá de luns a venres en horario de 17 a 21h e os sábados e os domingos en dúas franxas horarias: de 11.30 a 14.30h e de 17 a 21h.

CONDICIÓNS

A participación como entidade ou persoa expositora é de balde e supón a aceptación das normas de exposición, fondos expostos, horarios e organización da SELIC.

FONDOS

A SELIC busca achegar a maior diversidade posible aos espazos expositivos e este é, xunto co xeográfico, un dos criterios principais para a escolla de participantes. Por esta razón, solicitarase na ficha de inscrición que se defina o tipo de fondos que se quere expoñer. No caso de que haxa coincidencias temáticas entre diferentes propostas, desde a Dirección Artística da SELIC buscarase algún xeito de evitar redundancias.

EDITORAS

Deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles procedentes de fóra do ámbito galego que garden especial relación coa súa liña editorial.

LIBRARÍAS

As librarías non especializadas deberán expor como mínimo un 70% de libros en galego e esta será unha condición pola que se velará especialmente durante toda a SELIC.

As librarías especializadas están exentas do mínimo de libro galego.

ESPAZOS

A SELIC contará con espazos diferenciados para desenvolver actividades da programación.

As entidades participantes contarán cun espazo individual de exposición, ou poderán compartir espazo con outras se así o solicitan.

SOLICITUDES DE PARTICIPACIÓN

Deberase cubrir este formulario de solicitude de participación.

PROGRAMACIÓN

As editoras e librarías participantes poderán propor á consideración da Dirección Artística actividades (presentacións, obradoiros, grupos de traballo, exposicións, etc) para contribuír á programación xeral.

ACTIVIDADES

As entidades participantes poderán propor as actividades a través deste formulario.

Desde a Dirección Artística teranse en conta todas as achegas e seleccionaranse as máis acaídas atendendo á temática ou obxectivo desa edición da SELIC e a cuestións técnicas e temporais. A responsabilidade da celebración da actividade e da súa execución correrá a cargo de quen a propón, limitándose o Concello de Santiago a ofrecer o lugar de celebración coas condicións necesarias que se indicaran no formulario no que se propuxo a actividade.