Semana do Libro de Compostela 2018
Praza da Quintana, do 1 ao 10 de xuño

O Concello de Santiago de Compostela organiza a Semana do Libro de Compostela coa intención de amosar o potencial editorial e literario da nosa cidade. Durante a primeira semana de xuño unha carpa instalada na Praza da Quintana albergará as propostas dos axentes do sector, que así o soliciten, xunto cunha axenda programática que procurará transcender o expositivo para xerar propostas que sirvan de impulso para as iniciativas e proxectos colectivos que alí se xesten.

Quen pode participar

Poden participar as librarías e editoras de Galicia ainda que terán prioridade as de Santiago de Compostela.

Condicións de participación

A participación é gratuita. As editoras e librarías de Santiago de Compostela poderán realizar venda de libros ao público. As editoras de fóra de Santiago deberán facer a venda a través dunha das librarías de Santiago presentes na SELIC.

Fondos expostos

  • É obxectivo fundamental da SELIC aportar a maior diversidade posible aos espazos expositivos bibliográficos polo que se solicitará dos participantes a súa definición na ficha de inscrición. No caso de coincidencias solicitarase das editoras e librarías a coordinación para evitar as redundancias.
  • A temática dos fondos expostos será o principal criterio para a selección das entidades participantes xunto coa procedencia.

Editoras

As editoras deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles procedentes de fóra do ámbito galego que garden especial relación coa súa liña editorial.

Librarías

  • As librarías non especializadas deberán expor como mínimo un 50% de libro galego.
  • As librarías especializadas están exentas do mínimo de libro galego.

Programación

As editoras e librarías participantes poderán, de maneira voluntaria, propor actividades (presentacións, obradoiros, grupos de traballo, expocións, etc) para a elaboración da programación xeral da SELIC, que en ningún caso recibirán retribución algunha por parte do Concello de Santiago de Compostela. A responsabilidade da celebración da actividade e da súa execución correrá a cargo de quen a propón, limitándose o Concello de Santiago a dispoñibilizar o lugar de celebración coas condicións infraestruturais que sexan precisas.

Espazos

A SELIC contará con espazos diferenciados para desenvolver as seguintes actividades: exposición de libros, presentacións, grupos de traballo e actividades infantís.

As entidades participantes contarán cun espazo individual de exposición dentro dun espazo maior compartido con outras duas ou tres entidades que permita a coordinación para a atención ao público.

Actividades

Haberá cinco tipos de actividades principais:

  • Grupos de traballo.
  • Presentacións.
  • Actividades infantís.
  • Obradoiros e rutas.
  • Sesións musicais.

As entidades participantes poderán propor as actividades que estimen pertinentes e será o Concello de Santiago quen elabore a axenda final en función das actividades propostas e da disponibilidade espacial e temporal para a súa celebración.

Horarios

Os horarios de apertura serán os seguintes:

  • VENRES 1: de 17 a 21 h.
  • SÁBADO 2: de 11 a 21 h.
  • DOMINGO 3: de 11 a 21 h.
  • LUNS 4: de 17 a 21 h.
  • MARTES 5: de 17 a 21 h.
  • MÉRCORES 6: de 17 a 21 h.
  • XOVES 7: de 17 a 21 h.
  • VENRES 8: de 17 a 21 h.
  • SÁBADO 9: de 11 a 21 h.
  • DOMINGO 10: de 11 a 21 h.

OFF SELIC

Unha vez a carpa peche as súas portas celebraremos o venres 1, sábado 2, venres 8 e sábado 9 un espectáculo cada día na propia Praza aproveitando a carpa como fondo e as escaleiras da Quintana como auditorio natural. Será ás 21.30 h.

31/05/2018

01/06/2018

02/06/2018

03/06/2018

04/06/2018

05/06/2018

06/06/2018

07/06/2018

08/06/2018

09/06/2018

10/06/2018

BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL

A Biblioteca Ánxel Casal é a biblioteca pública da cidade de Santiago de Compostela con amplos fondos sobre a cidade e xéneros diversos de interese xeral. Conta con recursos audiovisuais e dixitais.

Enderezo electrónico

CONCELLO DE SANTIAGO
CONSORCIO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Consorcio da cidade de Santiago de Compostela é o órgano executor do Real Padroado de Santiago, no que se materializa a cooperación institucional entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Creado en 1992, ten a condición de Entidade de dereito público de carácter interadministrativo, de titularidade municipal, con personalidade xurídica propia e con patrimonio propio.

Enderezo electrónico

FUNDACIÓN GRANELL

A fundación Eugenio Granell ten como cometido o coidado, a difusión e divulgación da obra artística e creativa de Eugenio Granell.

Enderezo electrónico

MUSEO DO POBO GALEGO

A Asociación "Padroado do Museo do Pobo Galego", constituída en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1976, ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos.

Enderezo electrónico

PÓVOA DE VARZIM

Cidade portuguesa do distrito de Oporto.