Audiolibro Liñas Paralelas
Por iniciativa da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, e en colaboración coa Radio Galega, presentamos aquí a versión audio dalgúns dos relatos contidos na colección Liñas Paralelas, editados pola SELIC, na interpretación de Pepe Sendón e coa ambientación sonora de Marcos Teira, á guitarra, Nenoescuro (Rafa Xaneiro), á electrónica e Suso Alonso, ao piano. Gravación de voz, mestura, edición e masterización final realizadas por Antonio Vázquez.
Relatos:
-
1. O vello terrible, de H. P. LovecraftPepe Sendón e Marcos Teira
-
2. Un calendario vivo, de Anton ChekhovPepe Sendón e Suso Alonso
-
3. O mariñeiro de Amsterdam, de Guillaume ApollinairePepe Sendón
-
4. Calor de agosto, de W. F. HarveyPepe Sendón e Nenoescuro
-
5. Unha noite de verán, de Ambrose BiercePepe Sendón e Marcos Teira
-
6. Cyril Tourneur, de Marcel SchwobPepe Sendón e Nenoescuro
-
7. A historia dunha hora, de Kate ChopinPepe Sendón
-
8. Un fratricidio, de Franz KafkaPepe Sendón e Nenoescuro
-
9. Lembranza, de Marcel ProustPepe Sendón e Suso Alonso
-
10. Sredni Vashtar, de SakiPepe Sendón e Nenoescuro
Sobre Liñas Paralelas
Unha sesión de Liñas Paralelas consiste na lectura pública dunha selección de relatos literarios con acompañamento musical. Comecei este proxecto o 7 de outubro de 2016 no Centro Cívico de Santa Marta, en Santiago. Deica hoxe levamos programadas preto de 50 sesións monográficas diferentes nas que interpretamos máis de 200 contos da literatura universal de todas as épocas. Moitas delas foron presentadas na Rede de Centros Cívicos do Concello de Santiago, a quen debo agradecerlle a oportunidade de achegar esta iniciativa a barrios e públicos diversos. Non sería posible sen a aposta decidida das concelleiras Branca Novoneyra e Concha Fernández. Debo agradecer tamén a permanente complicidade de Marcos Teira, Suso Alonso e Rafa Xaneiro por trazar a liña paralela musical que acompañou as miñas lecturas, e a Antonio Vázquez por darlle forma a estas gravacións.
O conto é un xénero amplísimo e cheo de sorpresas. Responde a unha necesidade comunicativa básica da humanidade: traducir a palabras un suceso, ou inventalo (vénche sendo o mesmo), durante o breve instante en que podemos contar coa atención dos demais. Tal vez na imaxe do mestre Rafael Dieste estea a súa mellor definición: «O conto é un remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz.» Ao longo da historia, o relato escrito transcendeu esa primaria función narrativa e converteu ese remuíño nunha fonte de novidosos achados literarios. Como xénero, nada lle ten que envexar á novela. É outra cousa. Porén, nin todos os contos valen para seren lidos en público. Hai coutos técnicos, de estilo, de duración que o impiden. Nas escolmas que eu presento, escollo aqueles que se prestan a ser ditos, e mesmo tomo a liberdade —nota bene— de adaptalos lixeiramente a ese fin. E todo coa única intención de compartir a luz desa intensa lámpada que nos afasta da escuridade por uns instantes. O resultado dese intento é o que se pode escoitar aquí.
Saúde e boa audición.
Pepe Sendón