Semana do Libro de Compostela 2019
Praza da Quintana, do 7 ao 16 de xuño
O Concello de Santiago de Compostela organiza a terceira Semana do Libro de Compostela coa intención de amosar o potencial editorial e literario da nosa cidade. Unha carpa instalada na Praza da Quintana albergará as propostas dos axentes do sector que así o soliciten. A participación poderá ser compartindo espazo e a tempo parcial para aquelas entidades que así o desexen ou ben por un só día no ‘espazo efémero’.
Quen pode participar
Poden participar as librarías, editoras, asociacións e proxectos ligados ao libro que teñan sede en Galicia. No caso das editoras e librarías terán prioridade as de Santiago de Compostela e a súa comarca.
Como participar
Deberase enviar formulario de solicitude de participación ao correo electrónico proxectoscultura@santiagodecompostela.gal entre o 15 e o 31 de marzo de 2019.
Condicións de participación
A participación é gratuita. As editoras e librarías de Santiago de Compostela poderán realizar venda de libros ao público. As editoras de fóra de Santiago deberán facer a venda a través dunha das librarías de Santiago presentes na SELIC.
Fondos expostos
É obxectivo fundamental da SELIC aportar a maior diversidade posible aos espazos expositivos bibliográficos polo que se solicitará dos participantes a súa definición na ficha de inscrición. No caso de coincidencias solicitarase das editoras e librarías a coordinación para evitar, na medida do posible, as redundancias.
A temática dos fondos expostos será o principal criterio para a selección das entidades participantes xunto coa procedencia.
Editoras
As editoras deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles procedentes de fóra do ámbito galego que garden especial relación coa súa liña editorial.
Librarías
As librarías non especializadas deberán expor como mínimo un 50% de libro galego. As librarías especializadas están exentas do mínimo de libro galego.
Espazos e tempos de participación
As entidades participantes poderán contar cun espazo individual de exposición ou compartido, se así o solicitan, que estará agrupado con outros tres para permitir a coordinación para a atención ao público. A participación poderá ser limitada no tempo a un ou varios días segundo o solicitado. Habilitarase un espazo ‘efémero’ para a presentanción de proxectos dun único día de duración.
Programación e actividades
As entidades e persoas que o desexen poderán propor as actividades que estimen pertinentes e será o Concello de Santiago, previa avaliación do grupo de traballo, quen elabore a axenda final en función da disponibilidade espacial e temporal para a súa celebración.
Horarios
- Luns a venres: de 17:00 a 21:00 h.
- Sábados e domingos: de 11:00 a 21:00 h.