A SELIC artella un Club de Lectura Criminal entre Santiago e Braga

A iniciativa unirá lectorado de Galicia e Portugal para reflexionar sobre o xénero negro en ambos os dous espazos literarios

A SELIC afianza este ano a sección Criminal, inaugurada o pasado 2023, poñendo en marcha o que será o primeiro Club de Lectura Criminal. Trátase dun proxecto que nace con vontade de continuar en vindeiras edicións do Festival da Lectura, pioneiro na unión de lectores e lectoras de Galicia e Portugal con este formato de exploración literaria conxunta. 

O club é froito da colaboración entre a Biblioteca Pública Ánxel Casal (Santiago) e a Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva (Braga), ofrecendo un espazo singular para mergullarse na diversidade da novela negra. Diego Ameixeiras, con destacada traxectoria literaria neste xénero, coordinará as sesións en Compostela, mentres que António Ferreira, recoñecido membro da Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva e crítico literario na Rádio Universitária do Minho, fará o propio coas actividades en Braga.

O club debullará unha selección coidadosa de obras dos dous lados da RaiaOito días sen Eva Cortés, de Sara Vila; Crime en Compostela, de Carlos Reigosa; Águas Passadas, de João Tordo, e Mulheres empilhadas. de Patricia Melo. Ademais, os participantes galegos engadirán á lista Plata Quemada, de Ricardo Piglia. Estes títulos representan unha mostra diversa e atractiva do xénero que a SELIC deu en chamar criminal, con historias cheas de intriga e misterio que manterán aos lectores atentos ata a última páxina.

As xuntanzas en Santiago terán lugar os martes de 19.30h a 21h. Comezando neste mesmo mes de xaneiro, prolongaranse ata xuño, cando, coincidindo co Festival da Lectura, se realizará a derradeira reunión conxunta cos participantes das dúas bibliotecas. Para o público compostelán, a inscrición estará dispoñible a partir do día 8 de xaneiro ás 8.30h. O rexistro poderá facerse de forma presencial no mostrador de información da Bibliioteca Públiica Ánxel Casal, por teléfono (881 999 401) ou por correo electrónico (biblio.publica.santiago@xunta.gal). 

En Braga, as sesións terán de febreiro a maio, na úlltima cuarta feira  (mércores) de cada mes.

O número de prazas está limitado a 15 persoas, maiores de 18 anos. Para poder anotarse, cómpre ser socio da biblioteca ou facerse no momento da inscrición. Con todo, é preciso lembrar que a normativa da Biblioteca Ánxel Casal só permite formar parte de dous clubs de lectura. 

 

Hora / Lugar: 
De xaneiro a xuño