A SELIC inaugura a súa Colección de Libros Asinados
O fondo inclúe obras autografadas de autoras e autores que pasaron en 2023 polo Festival da Lectura, co obxectivo de ampliarse ano a ano
Na mañá de hoxe, 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro, presentouse no Centro Sociocultural de Fontiñas a nova Colección SELIC de Libros Asinados. No acto estiveron presentes, ademais de Camilo Franco, director do Festival da Lectura, dúas representantes da corporación municipal compostelá: Míriam Louzao, Concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica; e Xan Duro, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais.
Durante a edición de 2023 o Festival da Lectura pediulle ás autoras e autores que o visitaron que asinasen un libro, xa fose aquel que viñan presentar ou algún outro, para que quedasen nos fondos da SELIC. Ese fondo ten como destino a Biblioteca Municipal, e os exemplares foron hoxe depositados na sala que esta posúe no Centro Sociocultural de Fontiñas.
Xa poden consultarse os libros autografados de invitados como Christina Rosenvinge, Chévere, David Rubín, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Lorenzo Silva, João Afonso, ou Suso de Toro. A colección incrementarase cada ano cos libros asinados das escritoras e escritores que pasen pola SELIC, como serán este ano John Banville, Adanía Shibli, João Tordo, Jon Bilbao, Rosa Aneiros, O Leo de Matamá, Diego Ameixeiras, Miguel Barrero ou Rosa Ribas. E moitos outros que quedan por confirmar, porque estes nomes son apenas un adianto.
Clubes de Lectura
Na visita tamén se fixo fincapé noutra relación que o Festival da Lectura pretende entablar cos centros socioculturais. Despois do mes de setembro de 2024, poñeranse en marcha os Clubes de Lectura SELIC na Biblioteca Municipal, nos que se escollerán autoras e autores que serán convidados na vindeira edición do festival.