Proxección de "Versogramas" de Juan Lesta, Belén Montero e Celia Parra e "Vértice de Versos" de Carlos Lorenzo
Versogramas, creado desde Galicia, está considerado o primeiro documental do mundo en abordar o panorama internacional da videopoesía. Nel participan videopoetas galegos como Yolanda Castaño, Antón Reixa e Iria Pinheiro. Inclúese unha obra inédita ata o momento, elaborada por Carlos Oroza e Carlos Vilas Bugallo.
Versogramas contén entrevistas a 14 videopoetas internacionais e fragmentos das súas pezas, xunto coas doutros 19 videopoetas máis de diversos recunchos do globo. Esbozos de definicións sobre videopoesía en experimental completan o tecido do documental. A súa premiere mundial tivo lugar en NUDO Festival de Poesía Visual (Barcelona). Logo do seu paso polo Festival de Cans (O Porriño), comeza a súa andaina por festivais internacionais.
Versogramas está dirixido por Belén Montero, codirixido por Juan Lesta, con música de Isaac Garabatos, producido por Esferobite (A Coruña) e con produción executiva de Celia Parra.
Conta coa axuda de AGADIC, a participación da Televisión de Galicia, a produción asociada de Amanita Films, Pixel Films e Celia Parra. Colaboran: Fundación Luís Seoane, Fundación Cidade da Cultura, Fundación Paideia, Concello da Coruña, Fundación Uxío Novoneyra, Museo Mac Gas Natural Fenosa e Editorial Galaxia, que vén de publicar libroDVD co documental e contido extra.
SINOPSE
Versogramas é unha viaxe emocional cara ó descubrimento dun novo fenómeno artístico de crecente popularidade. Poetas e cineastas cóntannos como ven a vida a través deste xénero e axudan a contestar a pregunta: Que é iso da videopoesía?