Máis Alálá: Xelís de Toro e Alejandro Vargas
Máis Alálá é un proxecto poético sonoro performático inspirado no libro De catro a catro de Manoel Antonio creado polo músico Alejandro Vargas (Cuba/Galicia) e o escritor e performer Xelís de Toro (Galicia/Reino Unido). O título é unha recreación do título do manifesto literario Máis Alá que Manoel Antonio realizou xunto con Álvaro Cebreiro no ano 1922.
Partindo dos 19 poemas do libro De catro a catro os artistas crean un sinxelo programa informático para transponer todas as letras dos poemas a números e posteriormente a notas musicais. Isto permítelles traballar cun banco de palabras e un banco de notas musicais.
Este material poético e musical é o punto de partida para crear un universo creativo propio pero que ao mesmo tempo se nutre da atmósfera poética/filosófica do libro.
As entradas (de balde) poderán recollerse a partir do día 10 de xuño na Zona C (Preguntoiro 1, Praza de Cervantes), en horario de 11h a 14h e de 16h a 19h. Tamén o propio 18 de xuño no Teatro Principal, de 19h30 a 20h30.