Libros
Ademais do pracer de pasar as páxinas e perderte por estas historias, pódese tamén escoitar a versión audio dalgúns destes relatos aquí: http://selic.gal/gl/audiolibros
SELIC 2018
Colección Liñas Paralelas
Santiago é unha cidade literaria. Desde a propia inventio, o seu relato fundacional, que propiciou o xurdimento no ermo desta pétrea rosa de mil follas, ata esta SELIC que nos acolle abrindo vieiros futuros, Compostela deixou ao longo da historia a súa marca na poesía, no teatro, na novela e é tamén escenario de relatos tan diversos como os que atoparedes na páxinas que seguen.
O vínculo que une as parellas é un misterio. Sorprende tanto a ruptura da parella perfecta como a permanencia da aparentemente incompatible.
En todas as culturas, ao longo da historia, o relato breve ten afondado nese misterio tratando de esclarecer os seus caprichosos mecanismos. Semella non haber mellor elenco para un conto que dous vectores que conflúen nun destino, dous protagonistas, dous puntos de vista, dúas tramas, dúas expectativas, dous finais posibles e infinitas posibilidades de resolver a ecuación.
O conto vai ao allo. Pretende cumprir a súa misión narrativa coa máxima economía de medios, como dicía Cortázar. As máis das veces, céntrase nunha única acción. E entre as accións humanas, característica case única da nosa especie, o asasinato exerce unha fatal atracción. Os contos de asasinatos son un subxénero do relato breve. E dentro dese subxénero aínda hai outra subdivisión que se adica a estudar a figura do cazador cazado, o choque entre a planificación intelectual dun crime e o seu desenlace real.
O espello é un mecanismo enigmático cun gran atractivo literario. Brancaneves, Narciso, Alicia... son numerosas as ficcións arredor do espello. O espello duplica e indica que podemos ser outros, dobres, xemelgos, ecos. O espello distorsiona, engana, troca a dereita pola esquerda. O espello é un non-espazo que excita a imaxinación - reflexión - especulación. O espello máxico fala con nós ou abre unha porta cara unha realidade alterada. Hoxe, as pantallas dos nosos dispositivos electrónicos son o espello deformante que captura a nosa mirada nun labirinto de identidades virtuais e realidades calidoscópicas.
O subxénero macabro, o conto de terror, herdeiro da literatura gótica, acadou a súa madurez con Edgar Allan Poe e a partir de aí espallouse por todo o planeta. A pesar da súa popularidade, que chega aos nosos días cunha enorme sobre-explotación multimedia, non debemos esquecer que o conto de medo sitúase no cerne da necesidade humana de contar historias. Ao pé da lareira ou na virtualidade cibernética, o devezo por unha historia que arrepíe non cesará nunca.
Un cadáver, un cadaleito, un cemiterio: un conto. Poucas temáticas como a mortuoria teñen alimentado tanto a narrativa breve universal. Amorte de corpo presente ten o poder de desvelar o carácter dos vivos, de espir as súas relacións, de ceibar as emocións humanas ou tamén de abrir unha fronteira cara o sobrenatural e a fantasía.
SELIC 2017
O protagonista desta historia, Z, afirma ser quen de escoitar o penedo do cavaleiro do Pedroso. Aínda que o toman por louco, dalgún xeito, o narrador acada a comprender a Z, xa que, indubidablemente, o xigante de pedra “fala” da historia ao ser testemuña e lembranza dos aconteceres dun tempo pasado.
Tras o seu despedimento de Mobles Silva, Manolo, Marcial e Ron argallan roubar os cartos que o seu antigo xefe garda no despacho da fábrica. Tras a morte de Manolo, a súa filla Maxina, Marcial e Ron seguen co plan. Marcial e Maxina logran fuxir da policía. Ron consegue escapar non sen antes explotar a fábrica que fora o seu lugar de traballo e o de tantos outros.Tras o seu despedimento de Mobles Silva, Manolo, Marcial e Ron argallan roubar os cartos que o seu antigo xefe garda no despacho da fábrica. Tras a morte de Manolo, a súa filla Maxina, Marcial e Ron seguen co plan. Marcial e Maxina logran fuxir da policía. Ron consegue escapar non sen antes explotar a fábrica que fora o seu lugar de traballo e o de tantos outros.
Bertiño, un neno de once anos que nace no berce dunha familia humilde, experimenta o seu primeiro gran fracaso ao non poder facer rir á súa irmá de poucos meses. Co gallo de animalo, o narrador, lémbralle as oportunidades que a vida lle brindou facendo eco das súas andaduras pola cidade de Compostela, mais, porén, non se esquece de sinalarlle que tamén terá que aprender a convivir coas cousas que saian mal.
Laxes de Vrins
No contexto dun enterro primitivo, o narrador desta historia ten unha premonición. A carón da pedra que ergueron como tumba sobre os restos do defunto, o narrador presaxia o futuro que xa está encarnándose nos seus descendentes. E ve como estes, no futuro, erixirán en base á presente tumba construcións máis complexas. A súa visión semella evocar a construción do sepulcro construído arredor do achado dos restos do apóstolo.
Desmontando o mito.
O relato é un metatexto no que se describen os pasos a seguir para a confección dunha novela na que se explique o achado dos restos do Apóstolo Santiago, así como o apoxeo cultural que esta descuberta conlevou. Para tal fin, nalgúns dos seus capítulos, a novela reconstruiría documentos ficticios a partir de datos extraídos de documentos existentes, intercalando deste xeito datos reais e veraces coa ficción.
Nano, un home duns corenta e cinco anos, desempregado e amigo do viño, relátalle nun ton coloquial e desenfadado a súa vida a un vendedor de xeados na Alameda. No seu relato, percorre a historia recente da cidade de Santiago en base ás súas propias vivencias e apreciacións persoais.
Esta colección de poemas curtos debuxa un retrato en palabras das escenas cotiás da vida compostelá, plasmando nos seus versos os lugares máis emblemáticos e significativos da cidade de Santiago.