A palestina Adanía Shibli, censurada en Alemaña, estará na SELIC
Os últimos libros de Jon Bilbao, Rosa Aneiros, Diego Ameixeiras e O Leo de Matamá tamén serán protagonistas no Festival da Lectura
A tres meses do inicio das súas actividades, a Semana do Libro de Compostela (SELIC) xa pode anunciar a participación na edición deste ano dalgúns autores de recoñecido prestixio internacional. É o caso de Adanía Shibli, autora palestina que vive en Berlín e foi recentemente censurada pola Feira do Libro de Frankfurt. Tamén acollerá a presentación de Araña, o texto máis recente de Jon Bilbao. O Festival da Lectura concilia a visita de autores e autoras con proxección internacional e estatal cunha forte presenza de escritoras e escritores galegos. Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros e Leo de Matamá pasarán pola carpa da Quintana para falar dos seus últimos libros.
Unha voz censurada
Adania Shibli, autora e ensaísta palestina ten unha ampla obra que inclúe novelas, obras de teatro, contos e ensaios narrativos, publicados en numerosos idiomas en antoloxías, libros de arte e revistas literarias e culturais. As súas novelas Touch e We are all equally far from love valéronlle en dúas ocasións o Premio Escritores Mozos-Palestina da Fundación AM Qattan. Minor detail (Un detalle menor) foi nomeada ao National Book Award for Translated Literature (Nova York) e ao International Booker Prize. Baseada parcialmente en feitos históricos, relata a violación e o asasinato dunha nena palestina en 1949 por soldados israelís.
A tradución ao alemán desta obra valeulle a Shibli o Premio de Literatura co que o ministerio de Ciencia e Arte de Hesse e o Fondo Cultural Frankfurt Rhein-Main recoñecen o traballo de escritoras do chamado "Sur Global". A súa entrega, que debía ter lugar o pasado outubro na Feria do Libro de Frankfurt, foi obxecto dunha grande polémica pois a cerimonia foi cancelada con vagas explicacións, coincidindo poucos días despois do ataque de Hamás a Israel durante a festa do Sucot. En resposta a esta decisión, máis de mil autores e intelectuais, entre eles tres premios Nobel, asinaban un manifesto contra o que consideraban unha grave situación de censura.
Do western ao caso Scala
O asturiano Jon Bilbao, guionista de TV e tradutor alén de escritor, e outro dos nomes que virá festexar a lectura a Compostela. Autor de libros de contos como Bajo el influjo del cometa (Premio Tigre Juan e Premio Euskadi de Literatura); escribe tamén novelas como Padres, hijos y primates (Premio Otras Voces, Otros Ámbitos). Na SELIC teremos ocasión de achegarnos á súa última obra, Araña, na que Bilbao asina a segunda parte dunha triloxía que iniciaba Basilisco, unha das súas obras máis aclamadas por público e crítica, e que tivo na nouvelle Los Extraños unha sorte de spin off. Nesta nova colección de historias, que alternan pasado e presente, ficción e realidade, western de fronteira e a vida cotiá en Ribadesella, o escritor demostra a súa mestría como narrador e o seu dominio sobre o xénero do relato.
O Festival da Lectura virá, así mesmo, cargado dunha chea de novidades editoriais do máis variado do panorama galego. Así, a xornalista e escritora Rosa Aneiros pasará pola SELIC coa súa última novela: A noite das cebolas. A súa protagonista afronta o cancro e a morte dun ser querido refuxiándose nun faro, onde a golpeará toda a potencia do inesperado. Escrita co inconfundible pouso de lirismo que lle valeu á autora o Premio Xerais por Sol de Inverno, trátase dunha novela optimista sobre unha muller que atopa, onde menos o agarda, un motivo e un motor para vivir intensamente ata o final.
Tamén visitará a Quintana Diego Ameixeiras para debullar Un anarquista. Nesta obra o autor do galardoado O cervo e a sombra (Premio Nacional da Crítica, Premio Follas Novas, finalista do Premio Hammett), trasládanos á Barcelona de finais dos anos 70, unha cidade disposta a pisar o acelerador da historia. O militante libertario Miguel Duarte, nun renacemento do movemento anarquista fronte aos consensos da Transición, verase envolto no caso Scala, que Ameixeiras explora entre a ficción e a crónica histórica preguntándose quen era esta personaxe.
Poesía necesaria
A SELIC promete ademais manter a súa habitual aposta pola poesía, cunha chea de propostas singulares nas que o verso, quer só quer hibridado con outras disciplinas, reivindica o seu espazo. Leonardo Fernández Campos asume, entre as súas múltiplas personalidades musicais e literarias, a do Leo de Matamá para traer á Quintana o seu Libre de libro. Neste poemario, o irreverente cantautor deixa atrás as altas doses de humor do seu anterior Hai cu para asumir o papel terapéutico dunha escrita da necesidade, que traballa coa memoria familiar, especialmente a da súa nai, da que aprendeu o espírito da revolta.
Estas son só algunhas primeiras pinceladas da diversa programación que a Semana do Libro de Compostela está a argallar para a edición deste 2024. O Festival da Lectura celebrará as letras e os libros do 7 ao 16 de xuño, enchendo a Quintana de propostas para todas as idades e padais literarios.